viernes, 10 de junio de 2016

Semana Verde de Silleda: Jornada de puesta en valor de la Viticultura

Apertura de la Jornada

 Os Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas, con presenza nas catro provincias, celebraron hoxe a xornada Enxeñaría Técnica Agrícola e viticultura moderna en Galicia no Recinto Feiral de Silleda dentro da programación da Semana Verde, que se celebra ata o domingo. Nela, fíxose un interesante percorrido do “turbio” aos viños con Denominación de Orixe. 
A xornada, impulsada polos presidentes de Coita A Coruña-Pontevedra, Rafael Muiños, José Armando Rey (Lugo) e Manuel Rojo (Ourense), foi inaugurada pola conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, e contou coa presenza do director da Fundación Semana Verde Ricardo Durán e o secretario xeral do Consejo General de Colegios de Ingenieros Técnicos Agrícolas de España, Ignacio Hernando. 
Ánxeles Vázquez destacou no acto de inauguración o potencial galego no sector vitivinícola e o seu carácter pioneiro no impulso ás D.O., destacando tamén o papel dos Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas como revitalizadores do agro. Ademais, incidiu na crecente proxección internacional do viño pola súa “gran calidade” e os esforzos de promoción con axuda da Xunta de Galicia. 
Na xornada comezou coa ‘clase maxistral’ do profesor da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, Xavier Castro, quen analizou desde unha visión histórica as prácticas erróneas na elaboración do viño. Pola súa parte, o biólogo e enxeñeiro José Mouriño, membro da Academía Galega de Gastronomía, un dos máximos impulsores das denominacións de calidade en Galicia, debullou esta influencia na Ribeira Sacra, e destacou “o labor de promoción” dos produtos agroalimentarios senlleiros. 
O enólogo Pablo Estévez, pola súa banda, deu o seu punto de vista como experto na súa ponencia Desde a viña ata a comercialización, no seu papel de experto asesor de diversas adegas das D.O. Ribeiro, Rías Baixas e Ribeira Sacra, e o enxeñeiro experto en industrias agrarias Fernando Vilariño analizou a evolución da viticultura en Galicia desde a perspectiva da D.O. Rías Baixas. 
Por último, o enxeñeiro agrícola Xosé Antonio Meixide, do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo falou da variedade de uva máis senlleira e descoñecida, a Branca Lexítima, da Terra de Betanzos, e avogou polo seu recoñecemento. 

Degustación de produtos galegos con denominación de calidade 
A xornada concluiu cunha degustación de produtos galegos con Denominación de Orixe, grazas á colaboración dos Consellos reguladores das D.O.P dos queixos Arzúa-Ulloa, Queixo de Tetilla e San Simón da Costa, Pemento de Herbón, a IXP Pan de Cea, Pataca de Galicia, IXP Ternera Gallega, Tarta de Santiago e os viños da D.O. Ribeira Sacra. 
Os Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas en Galicia, que tamén contan cun stand no recinto feiral durante a Semana Verde, buscan a continua mellora dos seus servizos e dos que prestan os seus colexiados, e actúan como canle de comunicación entre todos eles e tamén coa sociedade, poñendo en valor todas as súas actuacións en beneficio do sector agropecuario galego desde os eidos público e privado. 

Diccionario de los términos de la cata